Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña

UN ESFORZO CONXUNTO POLO EMPREGO

O Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña concíbese como un instrumento que complementa as medidas de cooperación e asistencia artelladas dende a Deputación para promover o desenvolvemento territorial da provincia. Así, a través dun potente investimento provincial sen precedentes na creación e o fomento do emprego adicaranse 30 M€ para o período 2016-2019 multiplicando por seis o investimento realizado ate o momento pola Deputación.

Enmárcase nunca estratexia integrada de cooperación para o desenvolvemento sostible da provincia que pretende servir de instrumento estratéxico para mellorar a empregabilidade e o emprego e responde fundamentalmente á preocupación polo desenvolvemento do territorio provincial no seu conxunto dunha maneira equilibrada, pois os grandes desequilibrios existentes a nivel provincial entre as zonas rurais e urbanas e incluso entre zonas rurais entre sí, reforzan a idea de fortalecer a aqueles concellos que precisan dunha maior intervención e apoialos no seu desenvolvemento económicos e social en termos de sostenibilidade.
Porque son eles os que máis sufren a perda constante de poboación, a merma da calidade de vida das súas xente pola falta de emprego a nivel local, o envellecemento poboacional, a falta de relevo xeneracional e a escasez de recursos á hora de facer fronte aos novos retos.
Por iso a Deputación no marco das súas competencias de cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social e na planificación do territorio provincial, tenta traballar conxuntamente con eles en iniciativas que contribúan ó seu crecemento e en reforzalos para que poidan afrontar da mellor maneira posible os desafíos que prantexa o desenvolvemento sostible.
Porque o desenvolvemento vén da man do emprego e para calquera territorio, calquera que sexa o seu nivel de desenvolvemento, a base para impulsar a prosperidade, a inclusión e a cohesión social de maneira sostible e crecente, é contar cunha oferta suficiente de emprego.
Consciente da importancia que iso supón, a Deputación quere centrar os seus esforzos na promoción do emprego como a base para o desenvolvemento e crecemento sostible da provincia, unha prioridade transversal no presente mandato en consoancia co resto de plans e programas da entidade provincial.
O PEL nace coa vocación de ofrecer solucións inmediatas a problemas que nos afectan a todos como persoas, como sociedade e como territorio e agora máis que nunca, unidade, cooperación e xestión conxunta son ideas clave para que as corporacións locais poidan dotarse das ferramentas necesarias para avanzar cara un futuro mellor porque únicamente cooperando e construíndo redes se pode acadar unha sociedade máis igualitaria e con maior calidade de vida.
Pódese obter máis información na web da Deputación (www.dacoruna.gal) e na web do PEL www.emprego.dacoruna.gal.


No hay comentarios: