Zapatero afirma que todos os tramos do AVE á meseta estarán licitados o próximo ano e será unha realidade no 2012


“Quero reiterar os meus compromisos. Cumprín os compromisos de investimento orzamentario que establecín con esta terra, que se resumen nunha cifra. Cada orzamento, o 8% de investimento en infraestruturas para Galicia. E así será no 2009. E que os compromisos relativos á alta velocidade tamén se van cumprir e que no 2009 licitaremos todos os tramos pendentes para poñer rumbo final á meta de conseguir a alta velocidade en Galicia. Eses son os meus compromisos”.

Así llo asegurou o presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero, ao presidente da Xunta, durante a visita de ambos ás obras da liña do AVE Santiago-Ourense, e quen tamén adiantou que o vindeiro ano os Orzamentos Xerais do Estado consignarán máis de 600 millóns de euros para estas obras. Zapatero ratificoulle así a Touriño todos e cada un dos acordos acadados na reunión que ambos mandatarios mantiveron o pasado 31 de xullo no Palacio da Moncloa.


“Podémolo facer porque este país ten os recursos para iso e a vontade política, e porque o Goberno que presido, sexa cal sexa a situación económica, e tendo a previsión de aforrar, é plenamente consciente de que cada viaduto que fai, cada túnel que constrúe son postos de traballo, é riqueza, é benestar e non imos deter as expectativas de riqueza, de progreso e de benestar do mañá de Galicia e do conxunto de España”, ratificou Zapatero, quen animou á ministra de Fomento e ao presidente do ADIF “a traballar aínda máis de présa se cabe”. “Galicia merece chegar canto antes á alta velocidade. Sei que o ides facer. É o meu compromiso, é a miña decisión”, explicitou.

No hay comentarios: