"O BNG ten que estar ás duras e ás maduras"


A derradeira recta da lexislatura está en marcha e Ricardo Varela (Lugo, 1955), vicesecretario xeral do PSdeG e conselleiro de Traballo, advirtelle aos socios do Goberno bipartito que non se pode estar só ás cuestións que teñen unha rendabilidade política, senón que "hai que repartir custos na Xunta". E na economía, ten clara a súa oposición a abaratar o despedimiento, porque non se poden cargar as consecuencias da crise sobre os traballadores.
P: Vaise iniciar o proceso nas asambleas locais para renovar as executivas, albíscase reñido?
R: Será durante 20 días no mes de outubro e seguro que hai algunhas agrupacións onde hai máis dunha candidatura, iso non é bo nin malo, iso é a democracia interna do partido. O que no partido se defende sempre é que con independencia das candidaturas que haxa se respecten os resultados e se apoie a dirección saínte, esas son as nosas regras de xogo sempre.
P: Cando chegará o momento de designar a Emilio Pérez Touriño como candidato á Presidencia da Xunta?
R: Está pendente de fixar a data, pero o farémolo este ano.
P: Falouse moito de adianto electoral estes últimos meses, quen foi o máis beneficiado por este balbordo?
R: Non creo que ese debate estival favorecera ou prexudicara a ningún partido. Foi un debate que se creou dun xeito un pouco artificial, porque a verdade é que ningún dirixente do partido socialista, e menos o presidente da Xunta, manifestou en ningún momento a súa vontade de adianto, máis ben todo o contrario. O partido da oposición estivo posicionándose sobre unha decisión non tomada co cal eu creo que se alguén quedou prexudicado e un pouco en ridículo foi o PP.
P: Pero cre que saiu reforzada a figura de Touriño, despois de que se falara que había presións de Madrid, e que el decidira non adiantalas?
R: Non houbo ningunha presión en absoluto, o que si que é certo é que a decisión do presidente da Xunta, frente a esa controversia e ese debate que se xerou mantendo a súa palabra e o calendario que sempre anunciara, loxicamente fortalece a súa posición porque fai o que dixo que faría.
P: O PSdeG dá por feito que van ser para marzo, ou é posible que se volva a barallar a data de xuño?
R: Eu creo que a vontade do presidente é facer o adianto técnico para marzo, porque non se podería realizar no mes de xuño coas europeas. Coas eleccións vascas, esperemos que se poda evitar a coincidencia, non pasa como as europeas, que teñen que ter unha separación por riba dos 50 días. Farase para que non coincidan.
P: Que lle parece a estratexia do PP de buscar un achegamento ao BNG?
R: Paréceme unha estratexia desesperada e ridícula porque un partido que se tira catro anos demonizando ao Bloque e aos partidos nacionalistas que, inmediatamente despois, veña tendendo pontes, resulta cando menos curioso, e creo que forma parte desa condición que ten o PP de intentar acadar o poder con independencia das súas posicións políticas, que varían sen ningún tipo de rubor.
P: Teme que o BNG poida prestarse a esta xogada?
R: Polas manifestacións que lle teño escoitado ao Bloque as posicións do PP atópanse moi lonxe das súas, polo tanto eu creo que non se está deixando utilizar. E é intelixente non deixarse utilizar porque nós sabemos que unha aproximación do BNG e do PP a quen beneficiaría precisamente sería ao Partido Socialista, porque nin un electorado nin outro asumiría esa posición.
P: PSdeG e BNG teñen varias frontes abertas, a subcomisión do AVE, o Plan Acuícola, son unha parella mal avenida pese ao acordo de Goberno?
R: Son unha parella que, como todas, teñen as súas diferenzas. Eso pasa nas mellores parellas, que hai cuestións nas que hai que engrasar máis a relación porque son temas de máis dificultade. Con respecto ao Plan Acuícola o que lle plantexamos ao Bloque é que hai que estar ás duras e ás maduras, non se pode apuntar un soamente a aquelas cuestións de Goberno que teñen unha rendabilidade política, tamén ás que teñen aristas. O Plan Acuícola ofrece algunha arista nalgunha parte do territorio, e polo tanto hai que solidariamente afrontar e repartir os costes que eso poida ter, exactamente igual que noutras áreas, que ten o Bloque, faise.
P: E con respecto á subcomisión?
R: Nós xa lle dixemos ao Bloque que en lugar da subcomisión hai unha supercomisión que é a formada polo presidente da Xunta e a ministra de Fomento, que é a mellor garantía de que ese seguimento se realice con todo rigor e con todo o impulso.
P: Tamén está pendente a reforma do voto emigrante, e o propio secretario xeral de Emigración recoñece que é moi difícil para as autonómicas...
R: É complicado, porque a tramitación política é algo máis sinxela, pero o operativo de poñer en marcha iso é moito máis complicado, moitos colexios electorais, moitos funcionarios, e mecanismos de control. É un mecanismo complicado, que se vai tratar de acelerar o máis posible, pero hai que ser conscientes que é dificultoso.
P: Como se van enfrontar unhas eleccións sen cumprir este compromiso establecido durante toda a lexislatura?
R: O compromiso que está establecido, e que se está traballando, é avanzar cara a esa posibilidade. En calquera caso, nas eleccións o que hai que buscar, e este Goberno farao, e evitar o que pasaba cos Gobernos do PP, onde os controis sobre ese voto era mínimo, hai que asegurar os controis sobre o voto e garantir a democracia do proceso.
P: Que pasa coa redución dos prazos para recibir o voto emigrante, non hai acordo entre os socios de Goberno?
R: Non, porque indubidablemente cando se falaba da redución dos prazos aos tres días, falábase do inicio do proceso, exactamente igual que cando se fala do comezo do escrutinio ás oito da noite, cando pechan as urnas. Non tería sentido que se fixe unha data de remate do escrutinio. Aí hai unha diferenza que haberá que resolver.
P: Estará resolta esta reforma antes das autonómicas?
R: Creo que o sentido común e a lóxica deben facer que se resolva, non ten sentido.
P: Podería isto evitar esperas como as que se produciron nas anteriores autonómicas?
R: Iso facilitaría que ese proceso se celebrase con máis celeridade, pero ao ter Galicia un poboación emigrante, eso ten algunhas consecuencias e temos que asumilas, como que ese voto tarda máis en chegar.
P: En todo caso, o PSdeG non está por limitar o voto dos emigrantes como o BNG?
R: Non, en absoluto porque limitar o voto dos emigrantes é limitar o voto dos cidadáns, o que non se pode facer é a hipocresía de recoñecerlle a unha persoa o dereito de cidadanía e inmediatamente negarlle os dereitos políticos que conleva. Outra cousa é que en ámbitos electorais, como as municipais onde as actuacións dos Gobernos no afectan aos cidadáns que están no exterior, iso poida reconsiderarse.
P: Vostede vese como cabeza de lista en Lugo de novo, gustaríalle repetir?
R: Eu creo que esa decisión a tomará o partido, en todo caso estou en disposición de asumir esa responsabilidade. Finalmente será o partido o que faga as propostas, e creo que maioritariamente está satisfeito co traballo que levamos feito durante estes catro anos.
P: Incluir á conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, na Executiva é unha maneira de potenciala como posible cabeza de lista de cara as próximas autonómicas?
R: Non, non creo que sexa eso en absoluto, porque senón teríamos que facer esa lectura de boa parte dos membros da Executiva. Non, simplemente se traslada un traballo, unha xestión dunha área que ela coñece perfectamente, servirá para favorecer a xestión desta dirección.
P: Haberá moita renovación nas listas socialistas?
R: Hai que ter en conta que nas últimas listas xa houbo unha renovación moi importante, polo tanto temos que coidar que efectivamente incorporemos xente nova pero tamén manter a experiencia acumulada durante este período que é unha experiencia moi boa. As listas serán mestura de renovación e experiencia.

No hay comentarios: