O alcalde de A Baña non quere a rede Wimax para os seus veciños

Incrible pero certo, o alcalde de A Baña, o popular Andres García Cardeso, non considera necesaria unha rede de acceso a internet sen fíos de baixo custo para dar servizo aos seus veciños.
NON a unha rede Wimax para A Baña, NON ao acceso a rede de redes.
Se xa estabamos mal comunicados pola vía "terrestre" con esta nova irresponsabilidade que demostra o rexedor bañes estaremos incomunicados dixitalmente por moitos anos.

De todos é sabido o pouco interese que mostran na "Casa Grande" polas novas tecnoloxías. Ata hai moi poucos meses o noso concello non contaba con páxina web, as súas actualizacións son escasas e pouco desenvolvidas, sen falar das numerosas veces que está fora de servizo.
A cobertura de telefonía móbil é pésima na maioría das parroquias, non hai acceso a internet vía fíos (ADSL) e a sinal da TDT é inexistente para moitos veciños.
Se fósemos mal pensados diríamos que non lles interesa que os veciños teñan acceso á información; diríamos que canta menos teñan desa información, menos terán que solicitar ou reclamar; ou pensaríamos que con esta errónea decisión estarán máis protexidos ante o pobo.
Se todo isto fose certo, estaríamos ante unha clara censura informativa á que todo cidadá ten dereito. O acceso a internet é un dereito.
De outro xeito pensamos os Socialistas de A Baña; dentro das nosas posibilidades, temos instalada unha antena na nosa sede de San Vicente, para dar cobertura de internet gratuíta a todos os veciños do entorno. Son moitos os que xa se benefician deste servizo e trataremos de espallar o sinal o máis lonxe posible.
WIMAX: é unha tecnoloxía dentro das coñecidas como tecnoloxías de última xeración, tamén coñecida como "bucle local" que permite o envío e recepción de datos por microondas e retransmisión por ondas de radio. Unha das vantaxes máis importantes que presenta esta tecnoloxía é dar servizos de banda ancha en zonas onde o despregamento de cable ou fibra, pola baixa densidade de poboación, presenta uns custos por usuario moi elevados (zonas rurais).

No hay comentarios: