Futuro incerto para A Baña.



Un ano máis o INE (Instituto Nacional de Estadística) achéganos a realidade que vive o noso Concello en forma de datos oficiais. Como xa é tradición, e por desgraza, o Concello de A Baña é o Concello que máis habitantes perde de toda Galicia. Nos últimos 12 anos contamos con 1.258 veciños menos. ¿Cales son as medidas adoptadas polo goberno popular de Andrés García Cardeso para frear esta “sangría”? NINGUNHAS.
Nestes últimos anos estamos sendo testemuña do abandono total das nosas parroquias por parte dos veciños máis novos, das novas xeracións; do peche de centos de casas, de moitas explotacións gandeiras, de bares, de oficinas bancarias,…
Os nosos veciños non teñen outra alternativa que fixar a súa residencia nos Concellos limítrofes como Negreira, Santa Comba, Ames ou Santiago de Compostela, pola gran cantidade de servizos que estes ofertan, mentres que A Baña segue esquecida polos gobernantes de Casa Grande. Soldos infinitos e ducias de postos de traballo non parecen ser suficientes para poñer orde no pobo. Este noso consistorio conta coa maior cantidade de empregados municipais por número de habitantes.
Periga a continuidade do Centro de Educación Secundaria de San Vicenzo por mor da fulminante caída de alumnos e alumnas matriculados nos últimos cursos. Non contamos con gardería como ferramenta imprescindible para fixar poboación. No Centro de Saúde non deixan de descender o número de cartillas. O Comercio, a Industria e o Sector Servizos son practicamente inexistentes. O Polígono Industrial do que tanto presume o noso Alcalde non acaba de facerse realidade por moito que se empeñe en publicitalo. Imposible a posta en marcha antes do 2014.
Os datos non son nada esperanzadores e as previsións de futuro menos aínda. Dende a Agrupación Socialista de A Baña non podemos máis que alertar aos veciños e veciñas de que esta situación non pode continuar. O Alcalde é o máximo responsable desta situación e non está a procurar solucións, polo tanto, non está cumprindo coas súas obrigas. Moitas promesas electorais durante estes 16 anos pero pouco futuro para A BAÑA.

No hay comentarios: