Concentración na Baña en defensa dun Servizo de Pediatría de calidade.



DEMANDA UNÁNIME DOS SOCIALISTAS DA COMARCA DE SANTIAGO PARA ESIXIR UNHA BOA ATENCIÓN PEDIÁTRICA, “SE QUEREMOS QUE A XENTE VIVA NO RURAL HAI QUE DARLLE SERVIZOS DIGNOS”


Concentración diante do Centro de Saúde da Baña

Os alcaldes, concelleiros, concelleiras e voceiros socialistas na comarca de Santiago de Compostela participaron hoxe nunha concentración diante do centro de saúde de A Baña para esixir “unha atención pediátrica digna e continua”.
A de hoxe é a primeira medida de presión para demandar un cambio de postura por parte da Consellería de Sanidade. “As carencias son inasumibles, se queremos que a xente nova viva no rural temos que darlle uns servizos públicos dignos”, afirman os socialistas.

Á concentración acudiu o secretario xeral dos socialistas da provincia e presidente da Deputación, GonzalezFormoso Valentin, ademais dos alcaldes de A Baña, José Antonio Pereira; Oroso, Manuel Mirás; Negreira, Ángel Leis; o coordinador dos socialistas na comarca, Antonio Leira, o deputado no Parlamento e concelleiro en O Pino, Óscar Vilar; a deputada provincial e concelleira en Santiago, Mila Castro; o deputado provincial e concelleiro en Ames, Blas García, e diferentes representantes do PSdeG en concellos como Touro, Dodro, Trazo e Tordoia.
“A demanda é unánime, o servizo de pediatría necesita un reforzo urxente no rural desta comarca e da provincia en xeral; en concellos como este de A Baña cada vez hai menos días de servizo e non se substitúen as baixas, cando falamos dun tema moi sensible para a sociedade como é a atención pediáttrica”, manifestou aos medios de comunicación Valentín González Forsmoso.
“Galicia necesita unha aposta máis clara por un servizo público sanitario, sobre todo no rural, xa que se non parece que queremos profundizar no concepto de Galicia vaciada”, engadiu.
Pola súa parte, o alcalde de A Baña, José Antonio Pereira, incidiu en reivindicar “un mellor servizo de pediatría, que agora mesmo o temos dous días á semana tan só, e ademais cando hai baixas e vacacións o servizo queda baleiro e os veciños teñen que ir peregrinando cos nenos a outros concellos”.
“Se as parellas novas, cando teñen familia, non teñen un bo servizo de peidatría, non van quedar vivir en concellos pequenos; xa tramitamos duas queixas por escrito á Consellería de Sanidade e aínda non tivemos resposta”, apuntou.
En concellos como O Pino ou Touro, os pais deben desprazarse varios días á semana a Arzúa ou Santiago cando un fillo enferma. Os socialistas presentarán iniciativas nos plenos municipais, no Parlamento de Galicia e tomarán outras medidas nas próximas datas.
“É o momento actuar, está en xogo a saúde dos nosos fillos e non queremos esperar a que pase algo grave”, rematou Antonio Leira.

No hay comentarios: