Novo recorte por parte da Xunta de Galicia no Concello da Baña.



OS SOCIALISTAS DE CORUÑA CRITICAN QUE A XUNTA DE GALICIA REBAIXOU UN 25% O PLAN DE MELLORA DE CAMIÑOS RURAIS NA PROVINCIA
👉 “Núñez Feijóo falaba da lexislatura do rural, pero os feitos reflicten que a situación é xusto a contraria”, afirma o PSOE
A Agrupación Provincial Socialista da Coruña critica que a Xunta de Galicia rebaixou un 25% os fondos do plan de mellora de camiños rurais para o periodo 2020/2021.

En concreto, o plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas para o período 2020-2021 baixou en 1.271.493 euros na provincia da Coruña con respecto a 2017-2018. No conxunto de Galicia, pasou de 16 a 12 millóns de euros.
Este fondo é un relevante instrumento de cooperación e axuda financieira ás entidades locais que impulsa a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural.


Ten como principal obxectivo subvencionar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños rurais, co fin de renovar esta rede viaria que sirve de acceso ás explotacións agrícolas do seus territorios, facilitando considerablemente a accesibilidade ás parcelas de cultivo.
A pesar de que esta ía ser a “lexislatura do rural”, segundo manifestou o actual presidente, Alberto Núñez Feijóo, “os feitos reflicten que a situación é xusto a contraria” e o goberno galego aplica agora unha redución millonaria dos fondos para o desenvolvemento e potenciamento do rural.
Por comarcas
A redución de fondos é homoxenea e afecta a todas as comarcas. En concreto, na da Coruña pasa de 941.071 euros a 717.108 (223.963 euros menos); en Ferrolterra e Ortegal, de 1048.785 a 780.557 euros (268.228 euros menos); en Santiago, de 1.527.362 a 1.133.686 euros (393.676 menos); en Bergantiños-Costa da Morte, de 919.028 a 673.142 euros (245.886 euros menos); e en Barbanza, de 543.389 a 403.649 euros (139.740 euros menos).
“Estas axudas para camiños rurais, en moitos casos, son o único crédito directo en forma de subvención que moitas entidades locais reciben directamente da administración autonómica, polo que aínda é menos comprensible que se aplique unha redución orzamentaria tan drástica”, engaden os socialistas.
O PSOE Provincial impulsará nas próximas datas diferentes iniciativas a nivel local e no Parlamento de Galicia para forzar á Xunta a un cambio de postura neste tema.

No hay comentarios: