O secretario-interventor do Concello da
Baña, despois de analizar a situación financeira municipal e tendo presente que
o ano pasado se tivo que efectuar un suplemento de crédito por un importe de
255.000€ para poderlles facer fronte ás débedas e obrigas pendentes para
financiar gasto corrente, emitiu un informe, con data do 25.05.2020, no que
recolle que non se pode garantir que durante o ano 2020 se poida acudir a esta
vía novamente, e presta atención ás consecuencias socioeconómicas derivadas da
pandemia COVID-19 que suporán unha caída da recadación do Estado e da
Comunidade Autónoma, cifrada aproximadamente nun 40%.
Esta nova realidade social trae consigo
que este grupo de goberno considere necesario destinar o importe do POS +
Adicional 2/2020 na súa totalidade a gastos correntes do Concello, conforme ás
bases do Plan Único, liberando un total de 147.315,97 €. Os ditos fondos
investiranse en asumir os diferentes gastos derivados da crise socio-económica
que o brote de coronavirus está a provocar.
En concreto, a desagregación do destino
dos fondos do POS+ Adicional 2/2020 é o seguinte:
1.-
REFORMAS DAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS (Partida de 60.000€)
O novo escenario producido polo COVID-19
trae consigo a necesidade de que as instalacións municipais deban adaptarse ás
novas directrices e protocolos (limpeza, desinfección, aforo, atención ao
público...) para que estas poidan estar a disposición da veciñanza cun garante
de seguridade.
A día de hoxe xa se lle notificou ao
Concello dende a Dirección de Atención Primaria, no nome do Sergas, que é
preciso facer modificacións no centro de saúde, de titularidade municipal, para
evitar, mediante a colocación dunha zona acristalada na sala de espera, o
contacto dos menores e dos adultos.
É probable que haxa que facer esta e
outras obras xa sexa na propia casa consistorial, no Punto de Atención á
Infancia, biblioteca, Escola Municipal de Música, Centro Social, CPI de San
Vicente, etc. co fin de garantir a seguridade da saúde da nosa veciñanza.
2.-
CONCILIACIÓN (Partida de 35.000€)
O decreto do estado de alarma do 14 de marzo de 2020
supuxo a suspensión de toda actividade académica, polo que o alumnado non pode
asistir presencialmente aos centros educativos. Inicialmente ao parar tamén boa
parte da actividade produtiva, as familias puideron facer fronte ao coidado dos
membros máis novos.
Co inicio do proceso de desescalada e a progresiva
incorporación da poboación aos postos de traballo, evidénciase unha ausencia de
medidas que faciliten a conciliación familiar. Rexístranse casos de fogares
cuxos proxenitores traballan e non dispoñen de coidadores alternativos que
poidan facerse cargo dos menores mentres os pais e nais están a traballar. Polo
tanto, é necesario trazar un plan de acción que favoreza a dita conciliación.
Dende o Concello estase á espera de que tanto as
institucións nacionais como as autónomas competentes fixen os respectivos
protocolos para os puntos de atención á infancia, campamentos urbanos e todas
aquelas actividades susceptibles de que nelas participen menores.
Se é posible garantir a seguridade e salubridade dos
contornos e espazos así como aplicar os protocolos de hixiene pertinentes e
sempre atendendo ás recomendación das autoridades, proponse organizar en varios
locais sociais (seleccionados segundo a demanda e o lugar de residencia dos
usuarios), habilitados previamente, diferentes actividades dirixidas por
monitores/as titulados/as que favorezan a conciliación.
De seguir a positiva progresión que se está a dar no
proceso de desconfinamento crese viable a organización de campamentos urbanos
nos meses de xullo, agosto e primeira semana de setembro. A diferenza con
edicións anteriores é que debido ás circunstancias que estamos a vivir deben
realizarse labores exhaustivos de desinfección e limpeza, controis de
temperatura aos menores, maior adquisición de material posto que cada usuario/a
terá o seu propio material asignado e non se compartirá nada (tesoiras, gomas,
lapis…), máis monitores polo que todas esas medidas supoñen un incremento dos
custos que han de ser asumidos polo Concello.
Descoñécese ata agora as liñas de actuación a seguir
no vindeiro curso escolar. De facerse efectiva a proposta dun ensino no cal se
alternasen períodos presenciais e non presenciais, xurdirían problemas para
conciliar nas datas nas que os/as estudantes non tivesen que acudir ás aulas. O
Concello promoverá actividades, adaptadas ás directrices que rexan nese intre,
que primen a conciliación familiar.
3.- PLAN
DE APOIO PARA AS PERSOAS AUTÓNOMAS (Partida de 20.000€)
Co fin de afrontar as repercusións
económicas negativas que a pandemia está a deixar naqueles negocios que neste
intre son máis vulnerables (hostalaría, comercio de proximidade...), onde
moitos/as son autónomos/as, e que tiveron que permanecer inactivos pola
propagación do virus, que derivou do decreto do estado de alarma, son
necesarias medidas de apoio no eido económico que lles permitan a estes
traballadores e traballadoras poder reabrir e manter a actividade.
4.- PLAN
DE AXUDA AO ESTUDANTADO (Partida de 15.000€)
Durante estes días de confinamento, o
Concello colaborou co CPI de San Vicente no reparto de libros, apuntamentos e
material escolar. Detéctase a carencia entre boa parte do alumnado de
tecnoloxías aplicadas á educación (tabletas, impresoras, ordenadores...).
Hoxe en día, estas tecnoloxías son un
instrumento básico para poder proporcionarlle ao alumnado un proceso de
aprendizaxe adaptado ao contexto actual.
Queda constancia de que hai estudantes da
Baña que non dispoñen do soporte técnico necesario para afrontar un “ensino a
distancia“ ante un posible novo confinamento ou se se fai realidade a proposta
que barallan as autoridades educativas de incorporar o alumnado ás aulas
alternando períodos presenciais con non presenciais.
Con esta achega subvencionaríase a compra
de material informático axeitado co fin de evitar un desequilibrio a nivel
académico entre o alumnado.
5.-
EMERXENCIA SOCIAL (Partida de 17,315,97€)
O actual traballador social informa dun incremento das
solicitudes de axudas económicas e/ou de recursos de subsistencia ante a crise
sanitaria que estamos a vivir. É preciso facer fronte ás demandas de produtos
de primeira necesidade (alimentos, produtos de hixiene, roupa…) así como prever
a posibilidade de, se é necesario, custear servizos básicos como auga, luz…
É probable que se incremente a taxa de paro (xa medrou
nos últimos meses) e que moitas familias non poidan facer fronte ao pagamento
de hipotecas, das matrículas de fillos/as nas universidades, as actividades
extraescolares… polo que o Concello debería dispoñer de liñas de axuda e apoio
a estas familias, as cales teñen que cumprir os requisitos que dende Servizos
Sociais se fixan e seguir os procedementos oficiais que se establecen neste
eido.
É necesario dar apoio e cobertura a institucións como
a fundación Val de Barcala (adecuación das instalacións ás novas necesidades,
adquisición de material...) ou a aquelas familias de menores que teñen
diagnosticado algún trastorno, patoloxía ou enfermidade que esixa intervencións
e/ou accións concretas e específicas (material de apoio adaptado, monitor...)
A BAÑA, 25 de maio 2020
PsdeG-PSOE A BAÑA
No hay comentarios:
Publicar un comentario