"Sr. Cardeso e Sr. Ramos, teñen vostedes máis cara que lombo".

O pasado martes 14 de decembro foi un día triste para min, para Mónica, para Pena, para Ana, pero tamén foi un día triste para os 1.485 veciños e veciñas que nas elección do 2019 votaron para que a Baña, despois de 24 anos de goberno de dereitas, tivese a oportunidade de cambiar a forma de gobernar para os veciños, e romper esa espiral, na que estábamos metidos, que fixo que a Baña, quedara ancorada, paralizada, fronte ao resto dos concellos da contorna.

Un día moi triste para os votantes de Compromiso por Galicia, que ven como os seus representantes o Sr. Ramos e a Srta. Trillo que prometían o cambio, que fai apenas 2 anos, en campaña electoral, explicaban aos veciños, a pésima xestión do Sr. Cardeso, o nefasto que foi para a Baña o PP, e  que agora, por non sabemos que intereses, o recolocan de Alcalde, mentres podían estar formando parte dun goberno progresista, aportando e traballando para facer un concello mellor, pois non, deciden traizoar as súas palabras, e unirse ás dereitas e volver a colocar o Concello  da Baña na casilla de saída igual que fai 26 anos. 

Esta moción é a consecuencia dun acto inxusto, unha moción de censura é unha  ferramenta para facer un cambio no goberno cando nel se producen situacións graves, pero non para facer de maneira caprichosa e en beneficio propio, sacrificando o interese da veciñanza.

Esta moción é unha desas mocións que se fan ao desesperado, co único obxectivo de impedir que o PSOE da Baña poda rematar o mandato completo, e desa forma evitar a consolidación dun grupo de goberno capar de cambiar a Baña.

Dende o primeiro día a actitude da oposición foi clara , poñer todas as trabas posibles para que abandonaramos. 

- 6 Meses sen aprobar os nosos salarios.

- Bloqueo constante das propostas que levábamos os plenos. 

- Non participar na elaboración dos presupostos.

- Constantes mentiras anunciando perdas de subvencións, coma a do cambio de luminarias concedida polo IDAE ou a concedida para a mellora do parque infantil do CPI da Baña.

- Non asistir ás reunións para tratar distintos asuntos como o POS ou os orzamentos.

E digo eu, pero non se deron conta, que cantas máis trabas nos poñían, máis gañas tíñamos de seguir traballando. 

Pois así foi, nestes dous anos demostramos que a Baña cun goberno Socialista pode progresar. Melloramos  infraestruturas, máis actividades para a veciñanza, apertura de novos comercios e mellores servizos, esta foi a firma que deixamos nestes dous anos.

Presentan a moción como din no seu escrito para que a Baña teña un goberno plural, que alcanzará a rexeneración política; vostede Sr. Ramos e Srta. Tillo son cómplices directos desta moción, xa lle explicarán ós veciños que rexeneración política fan, poñendo de alcalde á persoa que gobernou na Baña durante 24 anos, ao PP, que como vostede dicía nos mitins, fixeron unha xestión pésima durante todos eses anos na Baña. Pon de alcalde a persoa que vostede prometía sacar, a persoa que anos atrás, vostede lle pediu a dimisión, a persoa que vostede denunciou por mentiras.

Na moción que presentan acúsannos de non manter diálogo previo para non chegar a consenso, non aprobar asuntos de vital importancia como os orzamentos, pola falla de negociación e diálogo.

Sr. Cardeso e Sr. Ramos teñen vostedes máis cara que lombo. Non lembran o pleno organizativo de 2019 onde propuxemos as xuntas de portavoces, para poder tratar distintos asuntos, consensuar e debater, e vostedes negáronse a constituílas. Non recordan as reunións as que foron convocados para tratar os orzamentos e vostedes non asistiron. Non recordan a convocatoria de reunión de fai un mes para tratar de acordar as obras do POS a que ningún dos dous asistiron. Pois eu si me lembro  de todos os desplantes que nos teñen feito.

Vostede Sr. Cardeso, que nos seus mandatos nunca fixo unha reunión coa oposición para consensuar nada, máis alá das comisións informativas que marca a lei. Nunca deixou participar nas xuntas de goberno, nas mesas de contratación. E di como escusa a esta moción, que non consensuamos os orzamentos,

Acaso non recorda a reunión onde asistiron aparte dos grupos de goberno a secretaria e a tesoureira, onde se explicou unha por unha as distintas partidas orzamentarias. Non recorda as dúas seguintes  reunións, as que foi convocado para que aportaran e dixeran que consideraban necesario modificar para poder chegar a un consenso nos orzamentos. Pois igual non as recorda, por que non asistiron, nin vostede, nin o seu socio César.

Pero igual si se lembra dos plenos onde se levaron a aprobar os orzamentos nos anos 2020 e 2021, onde se solicitou que presentaran emendas para poder chegar a un acordo e o seu támden non dixo nin "mu", bloqueando unha vez mais ó Concello.

Queda mais que claro que si non houbo acordos, que si non houbo dialogo foi porque vostede e CxG tiñan esa estratexia pactada. Señores penso que os motivos que argumentan para facer esta moción están mais que desmontados.

Escríbese unha nova páxina da historia da Baña, onde eu pasarei a ser un alcalde mais da Baña , que tratou de facer o mellor para o pobo pero que non lle deixaron traballar.

Vostede Sr. Cardeso, como o alcalde que sen argumentos nin motivos, mais que os das ansias de poder, presenta unha moción para tratar de perpetuarse na alcaldía.

E vostede Sr. Ramos pasará a historia como o dos Ramos que podendo formar parte dun goberno progresista, feminista de esquerdas, por non sei que intereses, decide traizoar a súa palabra e aos seus votantes. A toda a xente que confiou en vostede. 

Por suposto, seguiremos traballando dende a oposición, coas mesmas ganas que estes dous anos, para tratar de mellorar o noso Concello.

E solo me queda  agradecer, a todos e todas as traballadoras municipais, a súa colaboración durante este tempo. Aos veciños pola súa compresión e cariño. Agradecer os centos e centos de mensaxes de apoio que recibín estes días e dicir que isto non é un punto e final, se non un punto e seguido.


José Antonio Pereira Gil

Decembro 2021


No hay comentarios: