8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA


Na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, que se celebrou en Copenhaguen en 1910, Clara Zetkin, líder do movemento alemán de mulleres socialistas, propuxo a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora.
Como consecuencia da decisión adoptada en Copenhaguen o ano anterior, o Día Internacional da Muller celebrouse por primeira vez (o 19 de marzo) en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza, con mitins aos que asistiron máis de 1 millón de mulleres e homes. Ademais do dereito de voto e de ocupar cargos públicos, esixiron o dereito ao traballo, á formación profesional e á non discriminación laboral.
Menos dunha semana despois, o 25 de marzo, máis de 140 mozas traballadoras, a maioría inmigrantes italianas e xudías, morreron no tráxico incendio da fábrica Triangle na cidade de Nova York. Este acontecemento tivo grandes repercusións na lexislación laboral dos Estados Unidos, e nas celebracións posteriores do Día Internacional da Muller fíxose referencia ás condicións laborais que conduciron ao desastre.
O Día Internacional da Muller Traballadora, aínda que ultimamente tende a ser coñecido como Día Internacional da Muller, (8 de marzo) é unha xornada que celebran os grupos femininos en todo o mundo. Esa data conmemórase tamén nas Nacións Unidas e é festa nacional en moitos países. Cando as mulleres de tódolos continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, se unen para celebrar o seu Día, poden contemplar unha tradición de non menos de 90 anos de loita a prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.
O Día Internacional da Muller refírese ás mulleres correntes como artífices da historia e afunde as súas raíces na loita plurisecular da muller por participar na sociedade en pé de igualdade co home. Na antiga Grecia, Lisístrata empezou unha folga sexual contra os homes para poñer fin á guerra; na Revolución Francesa, as parisienses que pedían "liberdade, igualdade e fraternidade" marcharon cara a Versalles para esixir o sufraxio feminino.

No hay comentarios: