OS SOCIALISTAS DA PROVINCIA DA CORUÑA DENUNCIAN QUE O CURSO COMEZA “CUN DÉFICIT DE 1.000 PRAZAS DOCENTES”


OS SOCIALISTAS DA PROVINCIA DA CORUÑA DENUNCIAN QUE O CURSO COMEZA “CUN DÉFICIT DE 1.000 PRAZAS DOCENTES, ABANDONO DO RURAL E FALTA DE PLANIFICACIÓN POLAS OBRAS”

A Agrupación Provincial Socialista denuncia “a precariedade” coa que comezou o curso académico nos centros de infantil, primaria e educación especial, “froito dunha política da Xunta na que o ensino público non é unha prioridade”.

“Temos un déficit claro de profesorado, coa eliminación nos últimos anos de 1.000 prazas docentes na provincia, un abandono dramático do rural e falta de planificación polas obras nos centros”, afirma o secretario de Educación dos socialistas coruñeses, Antonio Álvarez.

O PSOE destaca “os problemas en toda a provincia, pero sobre todo nas comarcas do interior, Costa da Morte ou Bergantiños, e tamén na educación especial, o que provoca situacións moi complicadas en moitas familias”.

“O señor Feijóo dixo que esta ía ser a lexislatura do rural, pero o que fai a Xunta coas súas políticas educativas é provocar que a xente marche dos concellos pequenos”, engade Álvarez.

“A Xunta insiste en debuxar unha situación idílica do ensino público en Galicia que non existe, os datos da propia Consellería de Educación o desminten e amosan un recorte brutal de docentes, cun maior peso dos interinos e pouca estabilidade”, sostén.

“Por non falar das obras que hai a día de hoxe en numerosos centros da provincia, polo que mañá os alumnos e as alumnas atoparán máis dun andamio nos seus centros, producto dunha mala planificación”, rematan os socialistas.

No hay comentarios: