Por que un alcalde que cobrou 24 anos vota en contra dun salario para o seu sucesor (doutro partido)?


O que traballa debe cobrar. E nesta premisa están incluídos os alcaldes. O do amor ó arte está moi ben, pero non dá de comer. Non creo que ninguén poña en dúbida esa remuneración a non ser que desde a oposición se empeñen en torpedear o labor do mandatario ou que queiran telo lonxe do consistorio. É o que sucede na Baña.
Cada vez que se celebra un pleno vai a votación o salario do rexedor. E unha e outra vez non se aproba por culpa dunha oposición que alega que a cantidade é moi elevada para un municipio tan pequeno.
O curioso do caso é que no bando contrario, no que vota en contra, está Andrés García Cardeso, que cobrou como mandatario 24 anos cun soldo máis alto do que agora se lle nega a quen senta no principal sillón no pleno -según datos do Ministerio de Política Territorial e Función Pública sobre percepcións dos alcaldes, en 2018 cobrou 40.399,94 euros-. Ingresáronlle os cartos todos os primeiros de mes. Sen fallo. Pero non entende que o seu sucesor teña o mesmo dereito. Pois se é coherente e considera que o alcalde non debe cobrar, o máis serio -se viste como os homes- sería que devolvese todo o diñeiro que saíu do Concello cara á súa conta bancaria.
Ó mellor é que o que ata o pasado mes de maio empuñou o bastón de mando non considera que as condicións económicas da administración local aconsellen aprobar ese salario. Ou pode que entenda que non o merece. Ou tamén é posible que esté a facer un labor implacable de desgaste do seu rival.
O caso é que o PP vota en contra do soldo do alcalde socialista aliándose cos nacionalistas de Compromiso por Galicia. Unha alianza que ten pouco de lóxica pola ideoloxía tan alonxada dos dous grupos políticos, pero que, de seguir así, podería rematar nun matrimonio de conveniencia.
De ter que intercambiarse as alianzas esperemos que teñan unha boa dosis de coherencia como para gobernar sen soldo. Sen ese salario que agora non creen que sexa necesario. Terán a vergoña suficiente como para nin sequera votar sobre ese salario ou terán tanta cara como para non importarlle poñerse colorados cando se trata do poderoso cabaleiro (don diñeiro)?
Por Victor Furelos, periodista e redactor coordinador en El Correo Gallego.

No hay comentarios: