Martín Seco denuncia o impacto ambiental do proxecto do parque eólico de Troitomil pola súa proximidade ás vivendas


Censura os “custes ambientais e patrimoniais” que está a soportar o mundo rural a consecuencia destas instalacións enerxéticas que “apenas deixan beneficios económicos a propietarios e concellos”.



O voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de denunciar o impacto medioambiental do proxecto do parque eólico de Troitomil, promovido pola empresa Green Capital Power e que afecta aos concellos da Baña e Negreira. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta ao goberno galego.

“O impacto ambiental do parque agrávase dada a proximidade dos muíños de xeración de enerxía eólica aos núcleos habitados”, sentenciou o responsable socialista logo de constatar as consecuencias ambientais que podería provocar o futuro parque, cuxa exposición pública se publicou no DOG o pasado 19 de febreiro.

Así, incidiu, na preocupación que supón para a veciñanza de Baña “a insuficiente distancia mínima ás vivendas establece a lexislación”, xa que é só de 500 metros, cando estes “enormes muíños” teñen unha altura de máis de 200 metros, o que suporá “grandes molestias” para a veciñanza “polos ruídos ou interferencias”.

“O mundo rural está a soportar en exclusiva os custes ambientais e patrimoniais deste sector enerxético”, asegurou Seco, quen lembrou que, dende o punto de vista económico, “a terra onde vai asentado o parque de Troitomil é dun gran valor forestal e gandeiro”.

Malia isto, os bañenses afectados “non se benefician dunha maneira xusta da presencia do parque” no seu territorio, “algo que pasa tamén coas captacións de augas ou afeccións patrimoniais en Banzas”, no municipio de Negreira. Así, lamentou, estas instalacións “apenas deixan beneficios económicos a propietarios e concellos”, cando soportan os “inconvenientes” que estes provocan.

Por todo isto, Seco pediu á Consellería de Industria que “se sente” cos grupos políticos para “pactar un novo modelo eólico” que comece por actualizar un plan sectorial que hoxe en día se atopa “anticuado”.

Por último, o responsable socialista censurou a falla de diálogo con respecto a este asunto do goberno galego cando o vicepresidente de Economía, Empresa e Innovación non accedeu aínda ás peticións de reunión que solicitou o alcalde da Baña, “no mes de decembro de 2020”.

www.psdeg-psoe.com/

No hay comentarios: