Noa Díaz urxe a mediación da Xunta para frear o peche da sucursal de Abanca en A Baña

 


Rexeita un peche da última sucursal do Concello, que “non da perdas, foi reformada hai 8 meses e o local é propiedade da entidade bancaria”

A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para urxirlle á Xunta que inicie a mediación coa entidade Abanca para frear a súa intención de pechar a sucursal do Concello de A Baña, que anunciou para o próximo día 8 de setembro. A responsable socialista lembra que esta é a última sucursal bancaria do Concello, que pasará a engrosar a lista de exclusión financeira de Galicia.

Díaz reclama xestións inmediatas para frear esta decisión co único obxectivo de maximizar beneficios, por canto se trata dunha oficina que non da perdas, foi reformada hai tan só 8 meses e ademais sitúase nun local propiedade da entidade bancaria.

O peche da sucursal, sinala, “afectará sen dúbida á economía da zona, nomeadamente servizos, hostalería e comercio”, mentres a veciñanza, na súa maioría integrada por persoas maiores, “deberá desprazarse a un concello contiguo para realizar calquera xestión ou trámite bancario que precise”. Así o ten manifestado tanto a poboación do Concello como os tres grupos políticos representados na corporación municipal –PSdeG, PP e Compromiso por Galicia-.

Díaz alerta de que o proceso acelerado de dixitalización das entidades financeiras de Galicia “ignora a fenda existente neste eido para moitos colectivos, sinaladamente xente maior que vive nos concellos rurais”. Sinala que “amosa unha realidade complexa que esixe a inmediata intervención das administracións públicas” e apunta que “a atención ás comarcas rurais e a loita contra o seu despoboamento pasa polo mantemento e consolidación dos servizos básicos”.

Fonte: www.psdeg-psoe.com

No hay comentarios: