MANIFESTO "VONTADE DE CAMBIO"

IMPULSANDO UNHA ALTERNATIVA DE FUTURO PARA O SOCIALISMO GALEGO(Congreso Extraordinario do PSdeG-PSOE, 24-25 de Abril de 2009)
O PSdeG-PSOE é parte fundamental da democracia galega, referencia política da esquerda e do progreso para a cidadanía galega, garante da existencia de alternativa política en Galicia e forza do goberno en concellos das catro provincias.En xullo do ano pasado, o PSdeG-PSOE celebrou o XI Congreso Nacional baixo o lema “A forza de Galicia”. Nembargantes, nove meses máis tarde, os socialistas galegos estamos chamados a un Congreso Extraordinario en circunstancias políticas ben distintas.Na única ocasión na recente historia da autonomía galega na que as furnas deron directamente ás forzas de esquerdas a posibilidade de goberno, as expectativas postas no cambio político non foron cubertas e @s cidad@ns non permitiron a continuación do goberno de progreso. Os cidadáns falaron có seu voto, e agora, o socialismo galego ten que perfilar a súa folla de ruta de cara ó futuro nun novo ciclo político de goberno da dereita.Nos últimos catro anos, o goberno substituiu a vida do partido, o papel da militancia veuse reducido, o debate de ideas apenas floreceu no partido, e moitas agrupacións non sentiron un apoio suficiente do goberno. O socialismo careceu do dinamismo necesario para liderar ás demandas da cidadanía e transmitilas ó goberno, e o autoconformismo e a auto-satisfacción alonxounos do contacto e inquedanzas sociais. Temos que rachar coa arrogancia das actitudes que taponaban o debate de ideas, adormilaban iniciativas e castigaban as propostas innovadoras. Por iso, xa entón apostabamos por máis e mellor partido.O vindeiro Congreso Extraordinario será o encargado de elexir o novo secretario xeral e a nova dirección política do PSdeG-PSOE, pero sen embargo o Congreso non conleva unha ponencia política que potencie o debate de ideas e a elaboración dun proxecto para a nova etapa do partido. Tras o resultado electoral, o partido ten que redefinir a súa folla de ruta porque o escenario debullado no anterior Congreso Ordinario fracasou, e máis alá do debate de nomes, o socialismo galego require ideas, posicións políticas e proxecto.O Congreso Nacional Extraordinario do PSdeG-PSOE ten que abrir unha etapa de futuro no socialismo galego apostando por un partido forte, vivo e renovado. O socialismo galego debe potenciar a súa estructura, a súa actividade e a súa vida propia, e asumir a mensaxe de cambio e renovación de milleiros de militantes e votantes socialistas. Ou cambiamos nós, ou nos cambian os cidadáns. O vindeiro Congreso non debe ser un paripé mediático centrado no reparto de postos, sen autocrítica, sen reflexións políticas, sen debate. Frente a un Congreso predeterminado e limitado ó guión deseñado vintecatro horas despois do resultado eleitoral, apostamos por un Congreso aberto, vivo, con debate e alternativas de ideas.Somos conscientes dos grandes retos que hoxe afronta Galicia, e da importancia de abrir unha etapa de futuro no socialismo galego que entenda a mensaxe da cidadanía e lidere a vanguardia e a modernidade de Galicia. Como militantes comprometidos co socialismo galego desde as nosas agrupacións locais, convimos na necesidade de participar activamente e trasladar a nosa posición política de cara o Congreso Extraordinario:
1º.- CONGRESO ABERTO CON VONTADE DE CAMBIO PARA ABRIR UNHA ETAPA DE FUTURO. Creemos nun Congreso aberto como aquel no cal foi elexido como secretario xeral o compañeiro José Luis Rodriguez Zapatero. Non nos conformamos co guión deseñado polo aparato do partido de arriba a abaixo, e creemos que hai que facer un Congreso con ideas e alternativas no cal emerxa unha proposta de futuro que poida ilusionar ós nosos votantes.
2º.- REVITALIZACIÓN DO DEBATE DE IDEAS, DO PLURALISMO E DA DEMOCRACIA INTERNA E PARTICIPATIVA. A participación política, o dinamismo no debate de ideas e a pluralidade da organización favorecen a revitalización do socialismo galego. Queremos un partido dinámico e vivo que conecte tamén coa xente nova, que representa á Galicia do futuro, e consideramos clave o papel das Xuventudes Socialistas.
3º.- FORTALECEMENTO DO PARTIDO. Asumir como fundamental o papel político do PSdeG-PSOE como estrutura de acción colectiva do socialismo galego. O partido ten que ter vida e posición propia, establecendo e orientando a folla de ruta dos gobernos. A potenciación das agrupacións locais, dos órganos e dos afiliados constitúe a canle para un partido máis forte.
4º.- POTENCIACIÓN DO PAPEL DA MILITANCIA, valorando o capital humano e político dos socialistas galeg@as. A experiencia política na organización e o compromiso d@s afiliad@s co partido son garantes para o desenvolvemento das nosas políticas. Os “independientes” poden contribuir ao noso proxecto, pero non substituir o papel fundamental da militancia. O papel do militante non é aplaudir e obedecer de forma subordinada ao poder, senón participar e contribuir. A combinación adecuada de experiencia e renovación pode acadarse entre os compañeir@s do partido.
5º.- SOCIALISMO EN CLAVE GALEGA. O PSdeG-PSOE ten que escribir o seu futuro en clave galega, dende abaixo cara arriba, non sumindo operacións deseñadas desde fora. O compromiso con Galicia é tamén un compromiso galeguista que asume a liberdade como referencia política do socialismo.
6º.- APOIO ÁS AGRUPACIÓNS DAS VILAS E DOS PEQUENOS CONCELLOS. Galicia é unha comunidade cun alto compoñente rural e cunha alta porcentaxe de concellos pequenos, e o PSdeG-PSOE debe ter presente a nosa realidade política, xeográfica e orgánica, respaldando aos militantes do rural que non teñen unha interlocución adecuada co partido e coas institucións. É relevante potenciar o papel dos compañeiros e compañeiras das vilas en todos os ámbitos de decisión do partido. É un feito que o noso voto no rural foi mais estable que nas cidades e areas urbanas. O dinamismo da Galicia urbana é clave para o futuro, pero á vez, hai que recoñocer que o traballo político de defender as nosas ideas nas vilas e concellos máis pequenos implica, se cabe, un maior esforzo persoal, político e incluso económico, sentíndose moitas veces pouco valorados polos cargos públicos.
7º.- REFLEXIÓN POLÍTICA E IDEAS PARA UNHA NOVA ETAPA. Os socialistas galegos debemos facer un exercicio colectivo de reflexión política, defendendo con forza os logros acadados no goberno da Xunta pero asumindo un exercicio de autocrítica naqueles aspectos nos que non cubrimos as expectativas existentes. O cambio político do país experimentouse con menos intensidade do que a cidadanía demandaba, e houbo actuacións do goberno de coalición que o noso electorado non entendeu. A nova etapa hai que basala na reflexión e nun novo proxecto de acción política cheo de ideas e propostas.
8º.- NON DEMONIZAR OS GOBERNOS DE COALICIÓN. Pode haber pactos mal negociados, mal explicados ou mal xestionados, pero as deficiencias dunha experiencia non poden demonizar a fórmula con carácter xeral. Os novos acordos deben estar baseados na lealdade mutua pero tamén na loxica do acordo que entende quen é maioria e quen minoria.
9º.- NON ACUMULACIÓN DE CARGOS. Non consideramos convinte a acumulación de cargos porque o partido ten banquillo e ninguén é insubstituible, e apostamos por unha adecuada e progresiva renovacion de cargos.
10º.- TODOS SOMOS NECESARIOS: INTEGRACIÓN E RENOVACIÓN. Durante os tempos recentes, as cousas non se teñen feito de forma correcta, e hai compañeiros que teñen a impresión de que o o partido ten pasado a ser a casa de algúns en vez de ser a casa de todos. Temos que recuperar as nosas esencias de humildade e cercania, as nosas raices e o orgullo das nosas mellores prácticas e dos nosos mellores dirixentes e referentes de distintos tempos. Todos somos necesarios no PSdeG-PSOE para renovar e integrar ó conxunto da organización.
O socialismo galego ten que abrir unha etapa de futuro. Os socialistas pensamos que un partido vivo, activo e dinámico xera ilusión e brinda unha opción de futuro para os galegos e as galegas. Este é o reto do Congreso Extraordinario: iniciar un proceso de cambio e renovación no socialismo galego que conecte coa mensaxe da cidadanía. Como socialistas, asumimos o sentir de moitos militantes e agrupacións locais de tentar que o Congreso aposte por ese novo impulso de futuro no socialismo galego. Entre todos, podemos conseguilo.

No hay comentarios: