O Plan Único da Deputación financia con 73.546 euros a reforma da piscina da Baña


As renovadas instalacións estarán dispoñibles para o vindeiro verán
O POS+ leva 1,8 millóns investidos en A Baña no bienio 2017-2018, onde financia un total de doce obras, algunhas singulares como a mellora do núcleo de Señor ou a humanización da rúa Castiñeira

O Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña financia con 73.546 euros as obras de reforma da piscina municipal de San Vicente, en A Baña.
A plataforma de Contratación do Estado vén de publicar o anuncio de licitación dos traballos, que serán financiados ao 100% pola institución provincial a través do POS+2018. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de decembro. O obxectivo é que as instalacións estean dispoñibles para o uso da veciñanza durante os meses de verán de 2019.
A piscina infantil e a piscina de uso xeral contan actualmente cun revestimento moi deteriorado, o que ocasiona continuas labores de reparación e perigo de que os usuarios sofran cortes cos anacos deprendidos.
As obras consistirán na dotación dun novo revestimento aos vasos das piscinas, construido con lámina de PVC termosoldada, o que evitará filtracións e desprendementos; a substitución do peche de malla metálica da instalación e do portal de acceso e a instalación de barandillas de aceiro galvanizado.
Os traballos inclúen tamén melloras no local de socorro e primeiros auxilios, a instalación de taquillas nos vestiarios e a instalación dun sistema automático de aporte de auga para a piscina.
Doce obras e 1,8 millóns investidos en A Baña
Está é unha das doce obras que o novo Plan Único, impulsado polo goberno provincial que preside Valentín González Formoso, financia no municipio, cun investimento de preto de 1,8 millóns de euros en só dous anos.
As melloras do núcleo de Señor, a humanización da rúa Castiñeira, a rehabilitación do entorno da Fonte dos Lagos, ou pavimentación de numerosos camiños e estradas de distintos núcleos rurais de A Baña son financiados con cargo ao Plan Único.
Fonte: Deputación da Coruña

No hay comentarios: