OS SOCIALISTAS DE A BAÑA DEMANDAN A POSTA EN MARCHA DUNHA AGRUPACIÓN DE PROTECCIÓN CIVIL NO CONCELLO


MOCIÓN REXISTRADA O 24/01/2019
O Grupo Municipal do Partido Socialista en A Baña rexistrou no Concello, para o seu debate en pleno, unha moción na que demanda a posta en marcha dunha agrupación de voluntarios de Protección Civil no municipio.

“Dende a aprobación da nova Lei de Bases de Réxime Local, queda totalmente claro que a protección civil é unha máis das competencias dos concellos”, asegura o voceiro socialista, José Antonio Pereira.

Esta competencia é un servizo mínimo obrigatorio nos concellos con máis de 20.000 habitantes, pero a citada lei recolle que os municipios “poderán promover toda clase de actividades que contribúan á mellora da protección e seguridade dos veciños”, con independencia da súa poboación.

“Son funcións básicas de Protección Civil a prevención e a intervención para facer fronte a unha situación de risco, a rehabilitación de servizos públicos esenciais, ou a vixilancia en eventos con especial afluencia de persoas”, lembra Pereira.

“A Baña, con 98 quilómetros cadrados de extensión, presenta numerosos núcleos rurais en 15 parroquias, e a falta de Policía Local así como dunha dotación permanente de Garda civil, deixa ao Concello nunha situación máis que complicada para garantir a seguridade nas distintas situacións que acontecen no día a día”, aseguran os socialistas.

“A creación dun voluntariado de Protección Civil está máis que argumentado polos servizos que prestaría ao Concello, o baixo custe do mesmo para as arcas municipais, e a labor social que proporcionaría aos veciños”, engade o PSdeG.

Por estes motivos, piden na moción “aprobar a creación dun voluntariado de Protección Civil en A Baña, cun regulamento propio, e solicitar e tramitar nas distintas administracións (Deputación, Xunta de Galicia) as correspondentes subvencións para dotar do equipamento necesario a esta nova agrupación”.




A BAÑA, 24 de xaneiro de 2019. 

No hay comentarios: