PARALIZACIÓN DO PROXECTO DO PARQUE EÓLICO DE TROITOMIL NO CONCELLO DA BAÑA


MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DA BAÑA ao abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais (Real decreto 2568/1986), PARA A SÚA CONSIDERACIÓN, DEBATE E POSTERIOR APROBACIÓN POLO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA, CO FIN DE SOLICITARLLE Á XUNTA DE GALICIA, CONSELLERíA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA QUE SE PARALICE O PROXECTO DO PARQUE EÓLICO DE TROITOMIL, ATA QUE SE MODIFIQUE A ACTUAL LEXISLACIÓN REFERIDA AO SECTOR EÓLICO EN GALICIA.

A publicación no DOG, o pasado venres día 19 de febreiro, da exposición pública da documentación do parque eólico de Troitomil, promovido pola empresa Green Capital Power, fai que aumente a preocupación polo elevado número de parques eólicos, previstos no noso concello, que, de levarse a cabo todos eles, nos situarían nun dos municipios cun maior número de parques eólicos, o que fai reflexionar sobre os inconvenientes deste tipo de instalacións, as cales apenas deixarán beneficios económicos pero si inconvenientes.

Cabe destacar a forma descarada que estas empresas utilizan para fraccionar en pequenos parques eólicos, os que constitúen ao final unha única explotación, pero que se tramitan como subproxectos separados para evitar superar os 50MW, que determinan que a competencia para a declaración do impacto ambiental a faga o Estado. Trátase dunha clara vulneración da lexislación vixente.

O impacto medioambiental deste parque eólico de Troitomil agrávase dada a proximidade das distintas torres eólicas aos núcleos habitados. É de especial preocupación a distancia que a lexislación establece (500m), que fai que estes enormes muíños (máis de 200m) estean practicamente enriba das casas, o que provocará grandes molestias polos ruídos, interferencias (TV, radio, telefonía móbil).

Por outra banda, o mundo rural está a soportar en exclusiva os custos ambientais deste sector enerxético e dende o punto de vista económico, a terra onde vai asentado o parque é dun gran valor forestal e gandeiro e os bañenses afectados non se benefician dunha maneira xusta da presenza deste parque nos seus territorios.

E preocupante que os propietarios dos terreos directamente afectados reciban unha compensación insuficiente, mentres que o resto da veciñanza que soporta os inconvenientes ambientais non perciban ningún tipo de beneficio económico.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista do Concello da Baña, somete a votación a seguinte MOCIÓN para ser aprobada en Pleno:

- Que a Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda paralice este proxecto ata que se modifique a actual lexislación referida ao sector eólico en Galicia, xa que a enerxía eólica debe ser fomentada sen atentar contra os intereses socioeconómico e ambientais do noso rural.



No hay comentarios: