Noa Díaz Varela, Noelia Otero Lago e Patricia Otero Rodríguez, deputadas pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión 4.ª, Educación e Cultura.
Hai aproximadamente un ano que a nova adxudicataria comezou a prestar o servizo de transporte interurbano de viaxeiros por estrada e escolar e son numerosas as queixas dos usuarios e usuarias de toda Galicia debido aos sucesivos incumprimentos do contrato, o que supón un grave problema para o normal desenvolvemento das xornadas vitais da cidadanía galega.
O transporte escolar é de máxima importancia para a poboación, sobre todo no ámbito rural debido ás distancias que as familias teñen que percorrer ata o centro escolar máis próximo. É por iso que a maior parte da comunidade escolar emprega este servizo público, que debera funcionar escrupulosamente non só por ser unha das maiores ferramentas de conciliación de que dispoñen senón tamén
porque os seus usuarios e usuarias son menores de idade.
Mais a realidade é que este contrato non está a funcionar como debera. Un exemplo dese mal funcionamento ocorreu no Concello de A Baña, onde o alumnado que o día 16 de maio acudía ao CPI San Vicenzo -cun total de 170 nenos e nenas escolarizados, a maior parte usuarios do transporte- quedou agardando nas paradas porque os autobuses non chegaron.
Falamos de decenas de menores que quedaron ese día sen xornada escolar porque o servizo de transporte público non chegou, pero tamén de moitas familias que ese día se viron prexudicadas nos seus traballos por ter que marchar para casa a coidar do seu fillo ou filla. As propias familias manifestan a súa inseguridade por se este incidente se volve repetir, dada a necesidade deste servizo.
A maiores, a nova concesión, cuxo contrato leva consigo unha mellora integral do servizo, mantén as mesmas condicións deficitarias de todos os vehículos, mesmo incumprindo a actual normativa, sen que a Xunta de Galicia actúe supervisando o seu estado: timbres que non funcionan, sistemas de climatización inexistentes, butacas rotas, falta de hixiene...
Por todo isto, as deputadas que asinan formulan as seguintes preguntas para o seu debate en Comisión:
1. Cal foi a razón de que o servizo escolar do CPI San Vicenzo de A Baña non funcionase o 16 de maio de 2022?
2. Informou a empresa concesionaria á Xunta de Galicia de que ese día non poría en marcha o servizo de transporte?
3. É consciente o Goberno galego dos prexuízos que supón para as familias que non funcione o transporte escolar?
4. Comprobou a Xunta de Galicia que o estado dos vehículos cumpren as mínimas esixencias de seguridade e hixiene?
No hay comentarios:
Publicar un comentario